A eurodeputada Ana Miranda salienta que a explotación mineira ten previsto o uso de cianuro, desacosellado polo Parlamento Europeo polos efectos contaminantes

Advirte do impacto medioambiental na zona afectada sen garantías de restauración

Bruxelas, 29 xuño de 2012 .- O BNG trasladou á Comisión Europea o proxecto de explotación dunha mina de ouro a ceo aberto en Corcoesto para que o executivo da UE se pronuncie sobre a súa legalidade, tendo en conta que na explotación se utilizaría cianuro, substancia altamente contaminante e totalmente desaconsellada polo Parlamento Europeo desde 2011.

A explotación mineira está proxectada na localidade de Corcoesto, no concello de Cabana de Bergantiños, aínda que o proxecto tamén se estende en menor medida polos municipios de Ponteceso e Coristanco.

Nunha interpelación á Comisión Europea, a eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, solicita ao comisario de Medio, o esloveno Janez Potočnik, que ditamine se o proxecto se axusta á normativa comunitaria en materia de medioambiente, en particular en relación á normativa de augas, ao tratarse dun proxecto de minería con cianuro.

Ademais, o BNG solicita que se pronuncie sobre se houbo un cumprimento dos procedementos de información pública e de transparencia que esixe o regulamento comunitario, habida conta de que os cidadáns interesados apenas dispuxeron dun mes para consultar “unha inxente cantidade de información de gran complexidade”.

Miranda explica que estamos ante “un proxecto especulativo” que pretende aproveitar os altos prezos de ouro, que beneficiaría a unha multinacional a costa de “arrasar” millóns de hectáreas dun entorno medioambiental que serve de medio de vida agrogandeiro “sustentable”.

O impacto sobre os recursos hídricos serían “evidentes”, os supostos postos de traballo serían en todo caso “temporais e provisionais” durante un período nun maior de 20, “que podería ser aínda menor se a mina deixa de ser rendible para a multinacional que a promove, e deciele abandonala, sen que exista ningunha garantía de permanencia nin garantías financeiras para a rehabilitación futura do territorio afectado”, concluíu Miranda.

Comparte este contido nas tuas redes sociais: