A eurodeputada nacionalista forma parte da delegación que se despraza co obxectivo de contribuir a que os comicios se desenvolvan con todas as garantías

Bruxelas, 4 xullo de 2012.- A eurodeputada nacionalista, Ana Miranda, forma parte da misión de observación do Parlamento Europeo do proceso electoral de Timor Leste que se celebra o vindeiro 7 de xullo, cuxo obxectivo é contribuír a garantir que os comicios se desenvolven con todas as garantías.

O envío desta misión de observación responde a un convite realizado polo goberno da República Democrática de Timor Leste e, en coordinación con delegacións e expertos en seguimento de procesos electorais, analizará o traballo da administración electoral, manterá diversos encontros con representantes do Goberno, da sociedade civil, con observadores internacionais e do propio país, e con representantes dos partidos políticos.

Timor Leste celebra as eleccións lexislativas o 7 de xullo de 2012, despois de que entre os meses de marzo e abril tivese habido eleccións presidenciais que converteron en presidente a José María de Vasconcelos. Ademais, este ano de comicios coincide co décimo aniversario da independencia de Timor Leste de Indonesia, tras 24 anos de ocupación.

Os episodios de violencia entre 2006-2008 fixeron precisa unha intervención internacional que aínda continúa, -unha forza de estabilizacion integrada por efectivos australianos e neozelandeses-, e amosan a necesidade de contribuír a consolidar o proceso democrático neste país, ex colonia primeiro de Portugal e despois de Indonesia, da que se independizou fai unha década.

A ONU mantén en Timor Leste unha forza composta por máis de 1.000 policías e militares, que está previsto inicien a súa progresiva retirada tras estes comicios lexislativos.

Horta, premio nobel da paz

Entre os encontros que manterá a delegación da Eurocámara da que forma parte Miranda figura a reunión co presidente de Timor Leste e con José Ramos Horta, ex presidente do país, líder da resistencia timorense contra a ocupación de Indonesia e premio Nobel da Paz en 1996.

A misión do Parlamento Europeo está integrada por un total de 7 deputadas e deputados dos grupos políticos do Parlamento, e finaliza tras os comicios do próximo día 7 de xullo, unha vez feito o reconto dos votos e unha valoración sobre o proceso electoral. A deputada nacionalista acude en representación do Grupo Verdes/ALE, do que o BNG forma parte dentro da Eurocámara.

Comparte este contido nas tuas redes sociais: