Benvida/o a este espazo web

Se visitas este blogue é porque, dun xeito ou outro, estás interesado en saber que papel pode xogar Galiza no marco da Unión Europea, que representa o Parlamento Europeo para o noso País e como, o que aquí se decide, incide directamente nas vidas das galegas e dos galegos. Espero que este espazo sexa un medio máis para descubrir o que sucede nas institucións comunitarias, un lugar de diálogo e de intercambio de propostas, suxerencias, preguntas e de participación cidadá.

Como sabedes, o Parlamento Europeo está formado por grupos nos que os eurodeputadas e eurodeputados nos integramos por afinidade política. O BNG forma parte do Grupo Verdes-ALE, con 58 membros, o cuarto máis numeroso da Eurocámara,  no que cataláns, escoceses, flamengos, galesas e nós, como galegas e galegos defendemos as nosas Nacións sen estado. Así que non estamos sós neste hemiciclo europeo, para acadar consensos e  para sacar adiante as propostas que interesan ao noso País e outro modelo de Europa.

O BNG volta a este Parlamento nun momento crucial para os intereses galegos, xa que a nosa presenza coincide con tres grandes reformas comunitarias, vitais para Galiza: a reforma dos fondos de cohesión, a reforma da Política Agraria Común e a reforma da Política de Pesca Común. Defenderemos o que sexa mellor para os intereses dos sectores produtivos galegos, para a cohesión social e territorial, e loitaremos por avanzar nun modelo de Europa social, dos pobos e multilingüe. Tendes o noso compromiso de que non son frases feitas, senón un compromiso do BNG a través desta xanela europea.

Continuarei o traballo, rigoroso, eficaz e entusiasta iniciado polo compañeiro Camilo Nogueira, co convencemento de que Galiza debe ter voz e voto propios no corazón das institucións europeas que diga, alto e claro, o que lle corresponde ao noso País.

 

Quen son?

Son unha muller galega, nacionalista, de Vigo, nada en Cuntis en 1971.  Crieime nas Travesas en Vigo, formándome nos centros públicos Emilia Pardo Bazán (Chouzo) e Santa Irene, que tanto marcaron a miña formación futura. Logo estudei Dereito en Santiago e Alemania (Passau) e rematei en Lovaina para vir especializarme  en  Dereito europeo, mentras coidaba un meniño como au pair. O periplo de Bruxelas levoume a facer prácticas no Consello de Ministros nás áreas de política social e cohesión, a ter a bolsa Leonardo nunha consultora europea e logo a  traballar nas institucións comunitarias, onde tiven o privilexio de  traballar co compañeiro Camilo Nogueira na súa etapa de eurodeputado do BNG entre o 1999 e 2004.

Nestes últimos anos exercín a representación do BNG en Bruxelas  mediante os acordos en coalición con outras formacións políticas, primeiro con Galeuscat (2004-2009), e despois con Europa dos Pobos – Verdes  (baixo a cal concurrimos ás eleccións de 2009 con ERC, Aralar, Eusko Alkartasuna, CHA e os Verdes).  Tamén exerzo a función política de Vicepresidenta da Alianza Libre Europea (ALE), o partido político europeo no que está integrado o BNG. Desde xaneiro deste 2012, o Bloque volve a ser oficialmente membro da Eurocámara, o que nos da un plus de capacidade política para actuar na defensa de Galiza tamén en Bruxelas.

Son unha persoa perserverante e optimista que gosta de falar coa xente. Vivo entre Bruxelas e Galiza coa miña filla de 8 anos que me enche a vida coa súa inquietude e espontaneidade. 

Sobra decir que, nesta nova etapa, redobrarei os esforzos para que as problemáticas e inquedanzas das galegas e dos galegos sexan escoitadas e tidas en conta na Unión Europea. Grazas adiantadas en nome do BNG polo apoio e o interese de todas e de todos vós, neste escano do pobo galego.

 Unha fonda aperta,

Ana Miranda Paz

Deputada do BNG no Parlamento Europeo

Comparte este contido nas tuas redes sociais: